Os axentes de Aduanas investigan a comisión dun posible delito de tráfico de influencias cometido en Arteixo. Segundo os últimos datos que figuran no sumario da Pokémon o caso non tería que ver coa empresa Vendex  -aínda que en tomos anteriores si se investigou esa relación- senón co papel de Ángel Luis Espadas, antigo xefe do gabinete de Conde Roa.
Segundo os informes de Aduanas, Espadas -que buscaría contratos nos concellos gobernados polo partido popular- habería mantido unha reunión con José Ramón Amado, concelleiro de Obras en Arteixo. Sábese que despois o concelleiro estivo remitindo algún tipo de documentación, cuxo destinatario sería Fran Sánchez Varela, do que se deduce que sería para unha obra ou servizo, segundo din os axentes no seu informe. Hai varios contactos entre Espadas e responsábeis municipais. Así, entre outros, falou con Marcos Docampo, técnico de Deportes, quen se habería feito cargo de enviarlle un arquivo por correo electrónico.
Tamén hai pinchazos entre personal de Aquagest. Nunha conversación un dille a outro "que xa lle fixeron a primeira visita ao concelleiro de Arteixo para que souberen que estaban alí e que polo momento lle ían a pasar un orzamento para facer traballos co camión de saneamento".
Arteixo -entre outros concellos da zona; coma Sada, Carral e Bergondo- figura na Pokémon pola relación con José María Tutor. O responsábel de Vendex en Galiza reunírase polo menos nunha ocasión co alcalde de Arteixo acompañado polo máximo responsábel da firma, Gervasio Rodríguez. Calvelo -que non está imputado- asegurou que nunca se lle fixo un favor a esa empresa e que mesmo perdera contratos ao non terse presentado a outros, coma o da nova gardería, que levou outra empresa. Calvelo recordou tamén que aínda que a empresa chegou a reclamar deudas importantes nunca se lle pagou o importe que pedía. Entre outras cousas Vendex facíase cargo en Arteixo do servizo de guindastre.

0 comentos:

Publicar un comentario

Participa en Arteixolandia deixando a túa opinión.